lunes, 24 de septiembre de 2012

O Libro de Buen Amor (século XIV)


   Do Libro de buen Amor, obra de Juan Ruiz, Arcipreste de Hita, conservamos tres manuscritos nos que se informa, en clave autobiográfica, das andanzas do citado clérigo coas serranas Chata, Gadea de Riofrío, Menga Lloriente e Alda, así como non debemos esquecer o relato alegórico representado por don Carnal e dona Cuaresma, o mesmo que a intercesión da Trotaconventos na historia de don Melón e dona Endrina.
   Prodúcese co Libro de Buen Amor unha mudanza na concepción do mester de clerecía sostida no século XIII polo rioxano Gonzalo de Berceo, de tal xeito que a rixidez eclesiástica deixa paso a unha perspectiva cómica e desenfadada, a cal afecta ós propios personaxes; por iso non resulta estraño que o Arcipreste nos faga saber os seus amores coa monxa dona Garoza.


sábado, 22 de septiembre de 2012

O Poema de Mio Cid


   Malia que os estudosos remontan ó século XI a existencia de don Rodrigo Díaz de Vivar, máis coñecido coma Mio Cid, conservamos as súas aventuras nunha copia datada no século XIV, enmarcable no mester de xograría.
   Polo que atinxe á autoría da obra en cuestión, aínda existen certas dúbidas, pois a sinatura de Per Abbat pode remitir tanto ó copista coma ó propio creador.
   No Poema de Mio Cid destacan as cualidades outorgadas ó heroe, quen buscará restablecer a súa honra sen deixar de amosar unha constante relixiosidade e lealdade ó seu señor.
   Por outra banda, e aínda que don Rodrigo sexa presentado no poema épico coma un home mesurado en función dunha manipulación histórica destinada ó seu enaltecemento, dita característica non se apoia na realidade, o mesmo que o tópico da sapientia et fortitudo.

   

Gonzalo de Berceo (século XIII)

      
   Dentro da panorámica medieval, debemos subliñar o papel de Gonzalo de Berceo, rioxano de nacemento e o primeiro poeta coñecido en lingua castelá, autor ó mesmo tempo da obra titulada Los Milagros de Nuestra Señora, pertencente ó denominado mester de clerecía, caracterizado, no que se refire ó século XIII, polo emprego da caderna vía, é dicir, tetrástrofos monorrimos alexandrinos.
                               

viernes, 21 de septiembre de 2012

HISTORIA DA LITERATURA ESPAÑOLA


   A través dos presentes traballos, durante o curso 2011-2012 os alumnos de 3º de E.S.O. A do CPI Monte Caxado (As Pontes de García Rodríguez), dos cales fun titor, tentaron exemplificar, grazas ó emprego dunha perspectiva humorística, a riqueza do noso patrimonio literario.   
 Deste xeito procuramos documentar, na medida das nosas posibilidades, algunhas das etapas senlleiras do noso patrimonio, resumidas na aparición das jarchas e das cantigas, na presenza do Cantar de Mio Cid, no influxo exercido por Gonzalo de Berceo e polo Arcipreste de Hita, así como na mudanza da cosmovisión medieval en virtude da publicación de La Celestina, sen esquecer a delicia sensitiva que supoñen os romances.

   Agardamos saiban desculpar os nosos erros.- 

 

EN DEFENSA DOS OFICIOS TRADICIONAIS: A FABRICACIÓN DO CARBÓN VEXETAL


   Agardamos que desfrutedes co seguinte vídeo no que o mestre carpinteiro Francisco Fra Rico entrevista a Raúl Fernández García con motivo da fabricación do carbón.
   O marco no que puidemos elaborar o presente traballo admite a consideración de idílico, habida conta da aura intemporal reflectida na Carpintería de Ribeira de Francisco Fra, ubicada en San Ciprián (Lugo).  
  Moitísimas grazas ós dous participantes pola súa exquisita amabilidade.

 

martes, 18 de septiembre de 2012

Por unha adecuada EDUCACIÓN AMBIENTAL: Coidemos a natureza

   
   Imaxes tomadas na enseada de Portelo (San Ciprián), mais que poderían reflectir calquera lugar de Galicia.

   
   Con este vídeo que amosamos a continuación pretendemos concienciar á sociedade en xeral da necesidade de respectar o noso entorno.